A baixada de Augas bravas en kaiak, un recurso deportivo e turístico real na Costa da Morte

Aarón Rei, Xurxo Quintáns e Iago Canosa queren amosar o potencial que teñen os ríos da Costa da Morte para facer baixadas de Augas bravas en kaiak

Cos ríos que temos na Costa da Morte xa tardaba en aparecer esta disciplina. A baixada de augas bravas en kaiak está collendo sona pouco a pouco. En parte gracias á visibilidade que lle están dando os kaiakistas Iago Canosa, Xurxo Quintás e Aarón Rei, que recoñecen o potencial da comarca para esta modalidade.

Ríos como o Grande, o Xallas ou o Castro son perfectos para remar, para baixar disfrutando ao máximo da natureza, como o demostra estre espectacular treito gravado polo río Grande, entre Vimianzo e Carantoña.

Preguntámoslle a Aarón Rei sobre a dificultade de realizalo. “Partes como este treito entre Vimianzo e Carantoña si que son de dificultade alta, son para xente cun bo nivel, é o que denomina un tramo de nivel 4 (os treitos catalóganse desde 1, que é auga plana, ata 6, que é a máxima dificultade). Pero na zona temos de todo. Por exemplo o seguinte tramo do Grande, que vai desde a saída da central de Carantoña ata a Ponte do Porto é un tramo moito máis fácil e perfecto para iniciarse, igual que o Xallas ou o Castro”, explica.

Sumerxíndonos na disciplina, “a diferencia entre o kaiak e o rafting é que o kaiak de augas bravas é individual e o rafting é colectivo, normalmente enfocado a xente que quere ir probar alguna vez a facer unha baixada, e é moito máis fácil, os que se dedican a facer augas bravas fano todos en kaiak”.

Por agora non hai ningunha entidade que faga esta disciplina, pero o que queira animarse a probar non ten máis que poñerse en contacto con estes amantes da aventura a través do instagram de Aarón (ou o seu Facebook) ou o instagram de Iago Canosa (ou tamén polo seu FB).

Aarón explica así de sinxelo as súas intencións: “Queremos darlle visibilidade para intentar que este deporte gañe adeptos na Costa da Morte, que temos uns ríos espectaculares para súa practica”.