Carballo e Ponteceso prepáranse para as súas Carreiras

Presentando a 10K de Carballo

Coa cita de Mazaricos formulada para esta fin de semana, xa temos dúas novas carreiras en marcha para este mes de xuño.

10K en Carballo, a "estrea oficiosa do mes de San Xoán"

O Concello de Carballo acolleu a presentación oficial da nova edición da carreira 10K Carballo. A presentación contou con testemuños de diversos perfiles de corredores e colaboradores, como Nuno Moure (deportista da AD Fogar e campión galego de 5km en ruta, Natalia Rivas (atleta), Adrián Monteseirín (AD Un paso máis), Moncho Ríos (veterano colaborador), Xan Lamas (campión de España de apnea e deportista da AD Media Ducia) ou Gustavo Álvarez (presidente da AD Fogar)

Máis de 2000 persoas uniranse a esta festa do deporte, que se desenvolverá o domingo 7 de xuño polas rúas carballesas.

Máis información e inscricións: https://www.carreirasgalegas.com/events/10k-carballo-2026/Jlb8qN9n

 

Carreira Faro Roncudo

Jose Manuel Mato e Faquel Fondo presentando a Carreira 

O Concello de Ponteceso presentou a 6ª edición da Carreira Popular Faro Roncundo, unha cita deportiva xa consolidada no calendario atlético da comarca, que se celebrará o sábado 13 de xuño a partir das 18:45 horas na Praza da Ribeira, en Corme-Porto.

A carreira forma parte do XII Circuíto de carreiras da Deputación da Coruña, reunindo cada ano a persoas deportistas de diferentes idades. As inscricións poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o 10 de xuño ás 23:59 horas. 

A competición desenvolverase en sete categorías adaptadas ás distintas idades das persoas participantes. Así, as probas Sub 18 e Sub 16 darán comezo ás 18:45 horas cun percorrido de 2.000 metros. A continuación, ás 19:00 horas, será a quenda das categorías Sub 14 e Sub 12, que percorrerán 1.000 metros. Ás 19:10 horas competirán as persoas participantes da categoría Sub 10, cun trazado de 500 metros, mentres que ás 19:15 horas sairán os Sub 8, que completarán un percorrido de 200 metros. 
Finalmente, a carreira absoluta disputarase a partir das 19:30 horas, cun percorrido de 6,2 quilómetros, nun trazado que destaca pola súa beleza paisaxística e proximidade ao Faro Roncudo.