A A Challenge Júnior Carballo conta por primeira vez cun equipo francés

O Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino presentou a VII Challenge Júnior Carballo, unha das grandes probas que organiza ao longo do ano e que, como non podía ser doutro xeito, conta co apoio da Federación Galega de Ciclismo e do Concello. Na súa sétima edición, a Challenge, que puntúa para a Copa Galicia do Porvir, conta cun total de 120 ciclistas dunha vintena de clubs de Galicia, Andalucía, Asturias, Cantabria e Castela e León, pero ademais adquire repercusión internacional, xa que, por primeira vez, competirá en Carballo un equipo francés, o Occitane.

A presidenta do club, Vanesa Loureiro, presentou a competición acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. Os tres puxeron en valor o traballo que vén desenvolvendo o Club Ciclista Carballo e o “esforzo que fai en formación e promoción de oportunidades”, que garanten o futuro do ciclismo, en palabras de Juan Carlos Muñiz, que tamén louvou o traballo de promoción do ciclismo en particular e do deporte en xeral que se realiza desde o Concello de Carballo.

A VII Challenge Júnior Carballo disputarase en tres etapas:

  • Venres 29 de agosto. Contrarreloxo individual de 3 quilómetros con saída na Praia de Razo e meta no Monte Neme, un clásico no calendario e que determinará o/a primeiro/a líder da proba. Etapa de categoría autonómica, na que, ademais de corredores júnior, está permitida a participación de corredoras júnior, sub-23 e elite feminina. A saída está programada para as 19.00 horas.
  • Sábado 30 de agosto. Etapa de 106,3 quilómetros, con saída e chegada na avenida da Milagrosa de Carballo. Horario de 16:30 a 19:30. Etapa de categoría nacional.
  • Domingo 31 de agosto. Etapa de 95 quilómetros con saída na rúa Carballo Calero Carballo e meta na Pedra do Sal, que percorre parte do concello de Malpica e as parroquias do litoral carballés e que, pola súa dureza, adoita deteminar o vencedor final da Challenge. Horario de 9:30 a 12:00. Etapa de categoría nacional.

Aos 120 corredores e corredoras hai que sumar os máis de 40 técnicos que visitarán a nosa vila, o persoal que colabora na seguridade como Motoenlace, comité arbitral, persoal da Federación, etc...  que suman preto de 200 persoas que estarán na nosa vila e nas limítrofes durante varios días. A eles temos que sumar todos aqueles familiares que acompañan aos ciclistas e afeccionados ao ciclismo que xa teñen a Challenge Júnior Carballo como unha das probas referente no calendario galego e nacional e que encherán as rúas ao paso do pelotón desfrutando do ciclismo mais tamén das nosas paisaxes e da nosa gastronomía.

Cortes de estradas

Como en anos anteriores, o paso dos ciclistas suporá cortes de estradas que estarán sinalizados e avisados con antelación para prexudicar o menos posible a veciños e condutores. O Club Ciclista Carballo conta co apoio de Policía local e Protección Civil do Concello de Carballo e do resto dos concellos polos que transcorren as distintas etapas, ademais da Garda Civil de Tráfico.

Este ano o maillot azul de mellor corredor de primeiro ano conta de novo coa colaboración da empresa Garaysa, e o maillot vermello de líder da montaña, co da Fundación Luis Calvo Sanz, ás que se suman Metalúrgica BB co maillot branco para o mellor ciclista galego; Norinver, co maillot verde de metas voantes, e o Concello de Carballo, co maillot amarelo de líder da clasificación xeral.