Os mellores equipos de hockey Galicia e Asturias decídensen en Carballo

 

Esta ponte de 1, 2 e 3 de maio, o pavillón Carballo Calero acolle nada menos que o Sector Alevín Norte Astur-Galaico de hockey sobre patíns.  un evento deportivo de alto nivel que reunirá no concello os catro mellores equipos tanto de Asturias coma de Galicia, entre eles o anfitrión Energimac Escola Lubiáns, que se clasificou na final a catro disputada tamén en Carballo.

A Federación Galega de Patinaxe e a Escola Lubiáns presentaron no Concello o campionato. O presidente de Escola Lubiáns, David García, destacou o orgullo que supón para o club organizar un evento desta magnitude en Carballo e presentou aos equipos participantes: os galegos Hockey Club Liceo A, Dominicos A, Compañía de María Azul e Energimac Escola Lubiáns, e os asturianos Oviedo Roller HC, Centro Asturiano, CP Mieres Dorado e AD Patinalón. “É unha liguiña moi intensa, que comeza xa o venres pola mañá e remata coas finais o domingo pola mañá”, explicou.

Formato da competición

O torneo dividirase en dous grupos de catro equipos cada un. Tras unha fase de grupos que se disputará entre o venres (a partir das 09.30 horas) e o sábado pola mañá, os dous primeiros de cada grupo cruzaranse nas semifinais o sábado pola tarde, que será o momento máis intenso da competición e para o que se agarda a maior afluencia de público. Os dous equipos que logren chegar á gran final do domingo obterán o seu pasaporte directo para o Campionato de España, que se celebrará en Madrid.