SAL e SYSCA pechan a temporada en Laredo afianzándose na élite estatal

A infantís do SAL conseguiron subir ao máis alto do podio dos Campionatos de España

Gran actuación dos equipos bergantiñáns no XXVIII Campionato de España Infantil e Cadete de Praia, disputado en Laredo (Cantabria). Tanto o SAL da Laracha como o SYSCA de Carballo pecharon a temporada ao aire libre con grandes resultados, demostrando que están no máis alto da élite estatal do salvamento e socorrismo.

O SAL

A expedición larachesa volveu demostrar que o traballo desenvolvido durante anos na base continúa dando os seus froitos. Máis alá dos excelentes resultados, este campionato confirmou a fortaleza dunha xeración de deportistas chamada a manter ao club entre a elite do salvamento e socorrismo español durante os próximos anos.

Ata trece deportistas do SAL lograron a clasificación para este Campionato de España tras unha brillante tempada autonómica, representando con orgullo ao club nun dos escenarios máis esixentes do calendario nacional. O rendemento colectivo, especialmente nas probas de remudas, puxo de manifesto o compromiso, a unión e o espírito de equipo que caracterizan á entidade.

O balance final da expedición foi de catro medallas nacionais, cun ouro e tres bronces, todas elas conseguidas en probas de remudas, confirmando que a forza do SAL reside na súa capacidade para competir como equipo. A estes éxitos súmase unha destacada colección de cuartos postos, as coñecidas como medallas de chocolate, que evidencian o altísimo nivel competitivo da expedición e o preto que estivo o club de incrementar aínda máis o seu medalleiro nacional. Un éxito colectivo que permitiu ao club proclamarse terceiro mellor club infantil de España e mellor equipo infantil feminino de España, dous fitos históricos que avalan o excelente momento deportivo que atravesa a entidade e o gran nivel da súa canteira.

As remudas volveron converterse no mellor reflexo da filosofía do Club Salvamento Acuático Laracha - SAL. En Categoría Cadete destacaron os bronces de Julia Insua Rico e María García Ferreiro; e Darío González Santos, David Becerra Ramos, Hugo Ferreño Varela, Julia Insua Rico, María García Ferreiro e Noa Queijo Couselo.
Xa en Infantís, o equipo formado por Carmen Domínguez Fariña, Julia Bolón Collazo, Noa Queijo Couselo e Sabela Paulos García conseguiron a medalla de ouro. Ademais, Borja Blanco López, Joel Landeira Suárez e Lucas Chouciño Sotelo conseguiron a de bronce.

O SYSCA

O equipo carballés, composto por 17 deportistas, acadou resultados destacados na clasificación xeral. Os deportistas cadetes remataron o campionato en sétimo lugar, mentres que o equipo infantil quedou décimo. Ademais, na clasificación por xéneros, as deportistas cadetes femininas acadaron o cuarto posto e o equipo infantil masculino rematou en sexto lugar.

Individualmente, na categoría infantil, tanto Belén Puñal como Jaime Buño acadaron unha medalla de bronce cada un na mesma proba, a carreira de pinzas. En canto aos cadetes, Mara Cotelo tamén subiu ao podio tras rematar terceira en bandeiras, sumando un décimo posto na velocidade. Ademais, Hugo Otero, quinto en bandeiras, Laura Rodríguez, novena na carreira de táboa, e Rodrigo Barca, décimo na velocidade, remataron entre os dez primeiros en polo menos unha das probas celebradas durante os tres días do campionato.

A última das medallas obtidas polos atletas de Carballo chegou nas probas por equipos. Tamén foi un bronce, neste caso conseguido polo equipo cadete feminino na proba de relevos de tubo. Ademais da medalla, acadaron un sexto posto no rescate de táboa. Mentres tanto, o equipo cadete masculino estivo a piques de subir ao podio, rematando cuarto na proba de relevos, mentres que o equipo júnior masculino rematou quinto tanto na proba de relevos de tubo como na de pinzas, e sétimo na proba de relevos.

Cos atletas que viaxaron a Cantabria de volta en Carballo, Sysca puxo fin á tempada 2025/26 para as categorías júnior e cadete. Non obstante, aínda están por vir os Campionatos de España Xuvenil, Júnior e Sénior, que terán lugar na praia de Razo a principios de setembro.