Últimos días para que os grupos inscriban os seus espectáculos na Rede Cultural

Últimos días (ata o 17 de xaneiro) para que as compañías de todo o país (este ano a gran novidade é precisamente a apertura a compañías de toda Galicia) inscriban os seus espectáculos na Rede Cultural da Deputación da Coruña. O circuito, que pasa por ser o maior distribuidor de cultura que temos, conta cun orzamento de 2 millóns de euros, e pretende superar as cifras do ano pasado: levou uns 2000 espectáculos por todo o país, deles arredor de 350 á nosa bisbarra.

Todas as compañías de teatro e danza, grupos musicais e empresas audiovisuais da cultura galega poden pois inscribir os seus espectáculos nos catro programas, "Escena ao vivo", "Visións", "Alicerce" e "Lingua a escena!". "A aposta pola Rede Cultural supón apoiar programación cultural de calidade en todos os concellos e materializar o noso lema de "A Cultura é un dereito", destaca a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei para quen o programa supón tamén unha importante contribución á difusión da produción cultural e á consolidación do sector coa creación de emprego.

A Rede da Deputación da Coruña artéllase en catro programas con identidade propia: "Escena ao Vivo!" que acolle espectáculos teatro, monicreques, maxia, danza e música de compañías e artistas profesionais; o programa "Visións" de cinema e contidos audiovisuais tamén de categoría profesional para concellos; "Alicerce", para a categoría non profesional e, de nova creación, "Lingua á escena!" destinado á promoción do galego a través da cultura con espectáculos específicos orientados á dinamización social da nosa lingua nas programacións dos concellos.

Unha vez rematado o prazo de inscrición de espectáculos, os Concellos e asociacións poderán solicitalos para os seus eventos ou festas. A Deputación achega o 75% do orzamento para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que van dos 5.000 a 10.000 habitantes, 50% para os que contan cunha poboación de entre 10.000 e 20.000 habitantes, un 40% para os que van de 10 a 50.000 e un 30% aos que superan os 50.000 habitantes. Para entidades, a Deputación achega o 70% do orzamento das actuacións do programa "Alicerce”.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/aberto-ata-o-17-de-xaneiro-o-prazo-de-inscricion-de-espectaculos-a-rede-cultural-da-deputacion/