A VII BTT Os Picos de Mazaricos celebrarase o vindeiro 30 de abril

Mazaricos acolle o domingo 30 de abril a VII BTT Os Picos de Mazaricos da Ruña ao Aro. A proba ciclista, organizada polo Concello coa colaboración do Grupo González, confírmase como unha das citas ineludibles no calendario galego con dúas rutas de dificultade media e lonxitude variable (35 e 45 km).

A BTT terá carácter non competitivo, será cronometrada e está aberta a participación de persoas maiores de idade. Un ano máis, transcorrerá na súa maior parte por camiños rurais e forestais do municipio, difundindo e pondo en valor o patrimonio natural mazaricán, entre dous altos emblemáticos como a Ruña (646 metros de altitude) e o Aro (550 metros de altitude).

O prazo de inscrición finalizará o día 19 de abril ás 14h. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web sportmaniacs.com. A cuota de inscrición, é gratuita.

O día da proba, a entrega de dorsais terá lugar dende as 9h no polideportivo da Picota. A saída será ás 10h.