Carballido non pode pagar facturas pola falta ao pleno das súas concelleiras

O alcalde Lois Carballido e Susana Toja Blanco, unha das concelleiras socialistas que non acodiron ao pleno, durante unhas xornadas forestais
Carballido non pode pagar facturas pola falta ao pleno das súas concelleiras

Esta semana o pleno de Ponteceso vivía unha situación singular. As problemáticas internas do PSOE de Ponteceso deixaron fóra da candidatura socialista para estas eleccións do 26 de maio a dúas das actuais concelleiras do goberno.

Ante esta situación, as edís decidiron non participar neste último pleno de lexislatura, no que o alcalde, Lois Carballido, quería aprobar un crédito extraxudicial por un valor de 357.782,5€. Un crédito que serviría para pagar facturas, entre as que se atopaba unha serie de facturas para as actuacións musicais da Festa Marisqueira por un importe de 55.000€.

A moción non saíu aprobada pois o PP votou en contra, ao considerar inxustificadas estas facturas, e por considerar que o proceso non é o correcto, promovendo festas demasiado custosas e xustificando os gastos a última hora.

Deste xeito, e ao non estar presentes esas dúas concelleiras, a moción non saíu adiante, e os preceptores terán que seguir esperando para cobrar.

 

Novas relacionadas