Comezan as obras para poñer beirarrúas na Avda. Anllóns de Ponteceso

Este martes comezaron as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avenida de Anllóns, no treito da estrada autonómica AC-423, que vai do centro de Ponteceso ao colexio público Eduardo Pondal.

Trátase da mellora de paseos peonís e beiravías nas marxes desta estrada, entre os puntos quilométricos 13+690 e 14+140, para o seu uso peonil. Na actualidade, a estrada carece en parte do tramo de beiravía e beirarrúas ou estas presentan un estado deficiente. Esta intervención está a ser executada pola empresa Canarga, S.L., cun investimento de case 50.000 euros, e conta cun prazo de execución duns tres meses.