A Confraría de Corme solicitou a Portos varias obras de mantemento no peirao

Mantívose onte unha reunión entre o patrón da confraría de pescadores de Corme, Rober Vidal, co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Ánxeles Vázquez.

A confraría solicitou a Portos diversas actuacións de mantemento das infraestruturas, entre elas a renovación de escaleiras e defensas. Así mesmo abordouse a posible mellora do tren de fondeos (que leva 15 anos sen reparar) e o estado de tramitación da obra de arranxo da rampla de varada, pendente de informe de Costas do Estado.

Finalmente, revisáronse tamén as subvencións outorgadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro á confraría e analizáronse especialmente as referidas a equipamentos pesqueiros e vixilancia e asistencia técnica. Nos últimos anos a dirección xeral outorgou equipamentos e axudas por preto de 200.000 euros á confraría para o servizo de TicPesc, guindastre, cámara frigorífica e mellora da calidade de conservación dos produtos.

Aproveitou tamén Vidal para formular posibles saídas á precaria economía da confraría, castigada ao non organizar a Festa do percebe; e tamén fixo algunha achega ao Plan do Percebe para que aumentase o horario de traballo, pois nas 2 horas de baixamar permitidas para traballar moitas veces non son suficiente.