Corme embárcase nunha viaxe ata o Orinoco con Mosqueira Manso
A Asociación Cultural Ínsua de Viastela e o Concello de Ponteceso, coa colaboración da Deputación da Coruña, organizan a exposición "Mosqueira Manso. De Corme ao Orinoco", unha mostra que percorre a traxectoria vital e profesional de José María Mosqueira Manso,
corense universal cuxo labor científico e humano o levou desde as terras de Corme ata as ribeiras do río Orinoco, en Venezuela.
A exposición poderá visitarse do 15 de xullo ao 9 de agosto no Museo de Corme MACCMO, e reunirá un amplo conxunto de fotografías históricas, moitas delas inéditas, que documentan as distintas etapas da vida de Mosqueira Manso e o seu papel como referente do galeguismo no exilio venezolano.
Investigador no curso do Orinoco
Unha parte central da mostra está dedicada ás súas investigacións nos cursos baixo e medio do río Orinoco durante a década de 1940, período no que mantivo un estreito contacto co pobo Hüottüja, tamén coñecido como piaroas, poboación indíxena nativa desa rexión amazónica venezolana.
As fotografías expostas amosan encontros de Mosqueira Manso con distintas comunidades piaroas na illa e localidade de Pararuma (rexión de Bolívar), entre elas a familia do cacique "Jesusito" e o grupo liderado polo capitán "Andresito", retratados entre 1945 e 1948. Estas imaxes testemuñan o vínculo persoal que Mosqueira Manso estableceu con estas comunidades ao longo dos seus traballos de campo.
"Cormelán universal": ciencia e galeguismo no exilio
A mostra tamén afonda no seu labor profesional para o Ministerio de Agricultura e Cría de Venezuela, onde desenvolveu estudos de zooloxía, ictoloxía, herpetoloxía e cartografía. Destaca especialmente a súa implicación na supervisión das explotacións de tartarugas do Orinoco entre 1945 e 1950, como parte da Dirección de Economía Agrícola, así como a súa participación na campaña langosteira de 1947 na rexión de Los Roques, onde instruíu aos pescadores nos novos regulamentos ministeriais.
O percorrido fotográfico inclúe tamén imaxes do propio río Orinoco, coas súas embarcacións tradicionais —como o bongo caribeño— e a súa fauna característica, ademais dun retrato de Mosqueira Manso realizado en Caracas en 1954 e outra fotografía tomada na mesma cidade en 1967, un ano antes do seu pasamento.
Charla co biógrafo e conversa con familiares
Como actividade central do programa, o venres 7 de agosto, ás 19:00 horas, no MACCMO, terá lugar unha charla co biógrafo de Mosqueira Manso, Xurxo Martíz Crespo, seguida dunha conversa aberta con familiares do protagonista. O encontro permitirá afondar de primeira man na figura deste corense e no seu legado como exemplo do galeguismo desenvolvido máis alá do Atlántico.