Corme ponse cara a cara con Mosqueira Manso

A Asociación Cultural Insua de Viastela continúa co programa de actividades sobre Mosqueira Manso, adicadas recuperar e divulgar a súa figura entre a veciñanza.
Dentro desta iniciativa, o público poderá visitar unha exposición e participar nunha charla-coloquio co seu biógrafo e familiares.

Do 15 de xullo ao 9 de agosto permanece aberta ao público, no MACCMO, unha exposición arredor da vida e da obra de Mosqueira Manso, unha oportunidade para achegarse á súa traxectoria persoal e vital, desde Corme ata o Orinoco.

Ademais este mesmo venres 7 de agosto, ás 19:00 horas, no MACCMO, terá lugar unha charla-coloquio con Xurxo Martínez Crespo, autor da única biografía existente sobre José María Mosqueira Manso. Martínez Crespo é, polo tanto, a persoa que máis polo miudo coñece e documentou a vida do ilustre cormelán, converténdose na referencia obrigada para calquera achegamento serio á súa figura e á súa obra.

O acto contará ademais coa participación de familiares de Mosqueira Manso, que compartirán cos asistentes lembranzas e testemuños persoais, engadindo unha dimensión próxima e humana ao relato histórico e biográfico.