O Couto Florido reafirma á aldea pontecesá como referente en revitalización rural
Este sábado, a aldea do Couto (Ponteceso), viviu o nacemento doutro proxecto singular. A Fundación Eduardo Pondal une forzas coa homóloga Juana de Vega, para sacar, en colaboración do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, “O Couto Florido”.
Que marabilla ver a esas mesmas monitoras da Escoliña de Verán, a mocidade que enche de identidade o Festiletras, sacar tamén adiante un proxecto para seguir coidando e embelecendo a súa aldea Couto sumando á súa intensa vida cultural novas accións arredor da paisaxe e a biodiversidade.
“Queremos consolidar a aldea como un referente en revitalización rural demostrando que a biodiversidade, a cultura e a participación cidadá son piares clave para un modelo territorial máis sostible e resiliente”. Así o explicou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, no marco do primeiro encontro, titulado “Sementes”, unha experiencia aberta para identificar entre todos os asistentes, e de xeito colectivo e aberto, valores, retos e oportunidades, así como os espazos nos que se realizarán as intervencións.
O proxecto trata de identificar espazos degradados para usar de solucións baseadas na natureza (SBN) para revalorizar o patrimonio cultural como motor de cambio e mellora.
Coas conclusións na man, en maio convocarase a xornada “Couto Florido” para plantación das sementes autóctonas recollidas a través de accións de voluntariado, realización de instalacións artísticas e promoción de prácticas de xestión sostibles.
Xa a finais do verán, o encontro “Colleita” pechará esta experiencia integral coincidindo coa 43ª edición do festival cultural Festiletras. Organizarase unha ruta para ver as intervencións realizadas e aproveitarase para compartir boas prácticas para a xestión, o coidado e o mantemento futuro da aldea.