A Fundación Juana de Vega únese á Fundación Eduardo Pondal para facer rexurdir a Aldea
Dúas das Fundacións que mellor coidan o noso rural galego, unen forzas o vindeiro xoves 3 de outubro nunha xornada moi especial. O Couto acolle a xornada “O rexurdir das aldeas” da man da anfitriona Fundación Eduardo Pondal e da Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal.
Unha serie de charlas para promover o intercambio de ideas e boas prácticas sobre o desenvolvemento, rexeneración e recuperación das aldeas desde o enfoque da estratexia europea Smart Village. Esta iniciativa busca revitalizar as zonas rurais mediante a implementación de tecnoloxías intelixentes e enfoques colaborativos, co fin de crear comunidades máis dinámicas, sostibles e capaces de afrontar os retos do futuro.
De intelixencia artificial aínda o Couto non é vangarda, pero de colaboración e comunidade, a aldea das letras é un exemplo mundial, acollendo eventos como o Festiletras ou a Escola de Verán. Iniciativas nas que participa absolutamente toda a aldea, cedendo cada eira como espazo para facer concertos ou dar obradoiros.
Unha xornada de relatorios e mesas redondas
Entre os relatores convidados están Juan Carlos Pérez, CEO do movemento e proxecto TIC Aldealista; Inés Santé, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela e antiga directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Lucía Escrigás, técnica da Fundación RIA; Daniel Suárez, responsable de Somiedo LivingLab; e Diego Quiñoy, investigador do Centro Tecnolóxico Energy Lab. Por parte da Fundación Juana de Vega, participarán o director da entidade, José Manuel Andrade e a directora da Área de Desenvolvemento Rural, Beatriz Suárez, e os técnicos Francisco García e Nuria Freire.
O propósito é buscar novas funcionalidades e modelos de co-gobernanza que permitan revitalizar estes núcleos rurais. “Non se trata de recuperar o que existía, senón de revitalizar as aldeas desde unha perspectiva contemporánea, promovendo a xeración de comunidade e dinamismo socio económico e cultural, contribuíndo así ao seu renacemento e á creación de novas oportunidades”, sinala José Manuel Andrade.
Destinatarios
A xornada está dirixida a calquera persoa interesada en impulsar o futuro das aldeas e núcleos rurais a través de innovacións e boas prácticas e, en particular, profesionais e técnicos do ámbito rural, empresarios e emprendedores rurais, persoal da administración pública, investigadores e académicos. O encontro tamén está aberto a alumnado de estudos relacionados co desenvolvemento rural, medio ambiente, paisaxe ou planificación territorial, así como á veciñanza e colectivos locais.