O Couto xa está florido

Facendo kokedamas no Couto Florido

Continúa moi vivo neste mes do “Maio Florido”, o proxecto que está a embelecer a aldea pontecesá do Couto. A iniciativa da Fundación Juana de Vega, o Instituto de Estudos do Territorio e a propia Fundación Eduardo Pondal, formula un proxecto piloto para as Vilas en Flor, no que o Concello de Ponteceso leva participando desde os seus inicios hai xa 7 anos. Pero vai un paso máis.

Despois do proceso participativo levado a cabo durante a primeira xornada do programa a finais de marzo abrollaron este xoves nas mans dos voluntarios, a sempre implicada veciñanza, que se involucrarán activamente no embelecemento da paisaxe da aldea e na mellora da súa biodiversidade. As 89 ideas presentadas no encontro denominado Sementes foron analizadas e reconvertidas nestas marabillas.

As actividades prácticas deste 15 de maio comezaron cun obradoiro de kokedamas, unha técnica xaponesa para elaborar testos vivos con criterios ecolóxicos que despois se colgarán nun dos espazos cubertos da Praza do Quinteiro.

Despois, os voluntarios fusionaron arte e natureza coa plantación de 15 especies florais ornamentais, aromáticas ou silvestres de interese para os polinizadores. Entre a selección hai sementes de xirasois (Helianthus annuus), que pediron os veciños; nébeda (Nepeta cataria), romeu (Rosmarinus officinalis 'Prostratus'), menta poleo (Mentha pulegium) ou mel de cuco (Lonicera periclymenum), que é como lle chaman á madreselva no Couto, unha planta que estaba en proceso de desaparición no lugar e agora se vai recuperar. Todas as flores levarán carteis co seu nome para que sexan facilmente identificables pola veciñanza e visitantes.

Ao longo do espazo da aldea distribuíronse 35 testos de barro de Buño de dous tamaños para adornar o exterior das vivendas e un total de sete xardineiras feitas en madeira con placas cerámicas co logotipo do proxecto. As xardineiras instaláronas os usuarios da empresa de xestión social “Máis por vir” de Íntegro (Cabana) e os oleiros do obradoiro Feituras, de Buño, déronlle forma aos testos.

Terceira xornada en agosto

A finais do verán, o proxecto “O Couto Florido” concluirá co terceiro encontro denominado “Colleita” coincidindo coa 43ª edición do festival cultural Festiletras. Este día organizarase unha ruta para ver todas as intervencións realizadas no espazo, coas flores en todo o seu esplendor, e aproveitarase para compartir boas prácticas para a xestión, o coidado e o mantemento futuro da paisaxe da aldea.

Este programa quere ir máis aló da intervención nun espazo físico xa que é unha proposta de recuperación, coidado e posta en valor da identidade dunha comunidade como a que conforma a veciñanza do Couto. Tomando como punto de partida espazos degradados faise uso de solucións baseadas na natureza (SBN) para revalorizar o patrimonio cultural como motor de cambio e mellora. O obxectivo final será consolidar a aldea como un referente en revitalización rural, demostrando que a biodiversidade, a cultura e a participación cidadá son piares para un modelo territorial máis sostible e resiliente.