O goberno de Ponteceso presenta un orzamento "austero"
Con este calificativo describe o goberno popular de Ponteceso, consensuado cos socios habituais do goberno pontecesán, a proposta de orzamento que levará a pleno. Un orzamento de 6.313.000 euros (337.000 euros menos que o ano pasado), pola "necesidade de axustarse á realidade económica do Concello, evitando contas irreais ou afastadas da viabilidade financeira", explican dende o Concello. “Elaboramos este orzamento con prudencia, axustándonos á realidade económica do Concello, sen contas ficticias ou afastadas da realidade”, recalcou o alcalde José Manuel Mato. “É un documento austero, sen partidas sobredimensionadas, baseándonos unicamente nos ingresos consolidados que tivemos nos últimos anos”.
Destacan o incremento en determinadas partidas destinadas á xestión de servizos esenciais, como a limpeza viaria, a recollida de residuos, a salubridade pública e os servizos públicos básicos.
Un dos puntos importantes é o inicio do procedemento para a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT). Esta medida permitirá axustar os salarios dos empregados públicos ás súas responsabilidades, evitando así a fuga de talento, fundamental para acceder a novos recursos doutras administracións.
Investimentos
Dentro do capítulo de investimentos (517.066,04 euros.), o proxecto de orzamento recolle unha importante partida destinada á construción da senda de Lestimoño, unha obra que se levará a cabo en colaboración coa Deputación e que contará cunha achega municipal de 339.566,04 euros.
Outros investimentos previstos inclúen a expropiación de terreos necesarios para prestacións municipais, como a compra dunha finca en Brantuas de Abaixo para a futura EDAR, a adquisición dun terreo en Nemeño para a creación dun aparcadoiro e un campo da festa, a reforma dun parque infantil e a mellora do aparcadoiro dos terreos da familia Valdés.
Por sectores, os servizos públicos básicos absorben a maior parte do orzamento, cunha partida de 3.141.865,69 euros. A área de protección e promoción social contará con 1.023.749,27 euros, mentres que a produción de bens públicos de carácter preferente, que inclúe Cultura e Deportes, disporá de 753.642,67 euros. A área de actuacións de carácter económico contará con 107.579,87 euros, a área de gasto xeral con 971.700,58 euros e a débeda pública terá unha partida de 311.462,02 euros.