O IES Eduardo Pondal celebra a XXIII Semana Cultural cunha ampla oferta de actividades formativas e lúdicas
Semana de actividade cultural nos centros de ensino da comarca. Entre eles o IES Eduardo Pondal que acolle, entre o 8 e o 11 de abril, a vixésimo terceira edición da súa tradicional Semana Cultural, unha iniciativa consolidada no calendario escolar que convida ao alumnado e ao profesorado a aparcar temporalmente o currículo académico para mergullarse nunha experiencia educativa máis ampla, diversa e enriquecedora.
Ao longo destes catro días, o centro converterase nun espazo de aprendizaxe alternativa no que se desenvolverán actividades organizadas polos distintos departamentos do instituto. Entre as propostas destacan obradoiros de arqueoloxía, macramé, cociña, robótica, pontingues de laboratorio, emprendemento, orientación laboral e académica, así coma xogos de escapismo, roteiros, teatro coa actriz Mariana Rodrigo, xadrez, surf, competicións de cambios de rodas, actividades de electro-mobilidade solar, tiro con arco, judo, defensa persoal…
Como parte das actividades interxeracionais, o mércores e o xoves o IES Eduardo Pondal recibirá a visita dos usuarios dos Centros de Día de Cabana e da Laracha. Esta iniciativa, promovida polo Ciclo Formativo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, busca fomentar o intercambio de experiencias e valores entre diferentes xeracións.
A clausura da Semana Cultural terá lugar o venres 11 de abril cun evento moi especial: un café científico que contará coa presenza do catedrático de Medicina Legal, Ángel Carracedo, que curiosamente completará a súa xornada cunha charla de portas abertas no CPI Cabo da Area de Laxe.
A súa intervención, prevista entre as 12:30 e as 14:00 horas, será unha nova oportunidade para que o alumnado se achegue á ciencia da man dun dos seus referentes máis recoñecidos. O acto estará aberto ao público previa reserva de praza no seguinte correo electrónico: clubcienciainformatica@gmail.com.