Iglesia de Couto ou Igrexa do Couto?

Segue sendo a sinalética un asunto problemático. Hoxe é a Mesa pola Normalización de Bergantiños, a que trae a debate varios letreiros que hai no lugar do Couto, parroquia de Cospindo, en Ponteceso, que "exclúen a lingua galega", denuncian. Pois os rótulos están escritos unicamente en castelán: "Iglesia", incumprindo a lexislación vixente en materia lingüística e "ficando o galego marxinado".

Pero ademais, o propios letreiros que indican "Couto", na estrada que cruza a vila, incumpren tamén a lexislación en materia de toponímia ao non se axustaren ao "Nomenclátor" elaborado pola Xunta de Galicia e que estabelece como única forma válida e oficial "O Couto".

E lembra así o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que di que “A lingua propia de Galiza é o galego” e o 6.3 da Lei de Normalización Lingüística, estabelece que “Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”. Tamén a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, no seu artigo 7 promulga que “O galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”, o que inclúe os rótulos e sinais da vía pública e dos edificios municipais.

Desde a sección da Mesa en Bergantiños lamentan "a situación de uso incorrecto dos nosos topónimos e da exclusión da lingua galega" tendo en conta ademais que os letreiros están localizados no Roteiro Pondaliano.

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • A Mesa de Bergantiños.