Insua de Viastela reclama melloras no proxecto do Faro do Roncudo

Recreacion virtual do proxecto do Faro Roncudo

A Asociación Cultural Ínsua de Viastela fixo pública a súa posición respecto ao proxecto de intervención no entorno do Faro do Roncudo, actualmente en licitación.

A entidade cultural subliña que "o seu obxectivo non é en ningún caso a retirada do proxecto, senón introducir melloras que garantan a protección, autenticidade e posta en valor deste enclave único da Costa da Morte".

O colectivo lembra que o Roncudo é un espazo de enorme valor patrimonial, natural e simbólico, ligado á memoria dos mariñeiros falecidos no mar, e insiste en que calquera actuación debe respectar esa identidade.

Entre as súas propostas destacan:

  • Empregar materiais máis integrados na paisaxe, como o granito, evitando aceiro ou madeira, que sofren un deterioro rápido co vento e o salitre.
  • Situar o aparcadoiro de autobuses nun espazo alternativo, como o actual merendeiro, e non a carón do Petón dos Trueiros, para preservar a contorna inmediata do faro.
  • Recuperar zonas degradadas aproveitando pedras procedentes de escombreiras ilegais, reducindo así tamén os vertedoiros incontrolados.
  • Mellorar a sinalización viaria de Corme e do Cabo Roncudo dende diferentes puntos de acceso ao Concello.
  • Instalar unha cámara para a observación de solpores, cetáceos ou a actividade marisqueira, contribuíndo á divulgación e posta en valor do lugar.
  • Ademais, a asociación considera innecesaria a instalación de barandillas ou balcóns artificiais, apelando á prudencia fronte ao mar como mellor garantía de seguridade.

A Asociación Cultural Insua de Viastela reitera que "mantén un diálogo aberto coas administracións, e que a súa postura é constructiva e propositiva, coa vontade de que as melloras contribúan a preservar e dignificar o Faro do Roncudo como símbolo da Costa da Morte".

Recreación virtual do proxecto do Faro Roncudo
Recreación virtual do proxecto do Faro Roncudo