Investidos 365.000 euros na reparación dos danos causados polo temporal no peirao de Corme

O temporal do pasado mes de febreiro estragou parte do muro do dique de Corme. Imaxe: Paula Pombo A consellería do Mar vén de investir 365.000 euros na reparación dos danos provocados no porto de Corme polo temporal da primeira fin de semana de febreiro. A titular do departamento da Xunta, Rosa Quintana, visitou onte os traballos, acompañada polo presidente de Portos de Galicia. A actuación de reparación dos danos veuse realizando durante os últimos dous meses, logo de que as obras fosen tramitadas por procedemento de emerxencia ante a urxencia da actuación para minimizar situacións de risco para os usuarios do porto e ao global da cidadanía. Os traballos céntranse na reparación da escolleira e dique de abrigo do porto cormelán, que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comprobou onte o desenvolvemento das obras de reparación As obras consisten fundamentalmente na reparación e reforzo do dique, mediante bloques de formigón de 15 toneladas e escolleiras de pedra natural de 12 toneladas. Estas pezas están a ser colocadas estes días por medio dunha grúa para a reconstrución do espaldón do dique. Os bloques foron fabricados fóra do porto e coa súa colocación no peirao durante esta semana quedarán rematadas as obras. Durante a súa visita, Quintana explicou que os traballos devolverán a estrutura danada ás súas condicións habituais, dotando a seguridade e operatividade ao porto. Engadiu tamén que esta é unha das obras máis destacadas, xunto coa do porto da Guarda, das requiridas tralos danos do temporal e que supuxeron un investimento total de 1,4 millóns de euros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Consellería do Mar.