O MACCMO inaugura a exposición máis íntima de Alfonso Abelenda

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte en Corme acollerá este sábado 7 de agosto, ás 12:30, a inauguración da exposición "Abelenda - Íntimo e inédito".

Alfonso Abelenda (A Coruña 1931 - 2019) foi e será un dos grandes creadores plásticos galegos.

A obra pictórica de Abelenda parte da gran pintura española de artistas como Goya, Velázquez ou Solana, para logo chegar á modernidade coa que xoga co Pop, o humor e o expresionismo. As creacións de Alfonso Abelenda convértense en todo momento na pintura máis representativa de Galicia.

A súa obra plástica e os seus debuxos de humor en diversos medios, por estes últimos recibiu o premio Planeta Agromán, foron coñecidos en todo o territorio español. Expuxo no Pavillón de España da Expo Mundial de Bruxelas, na Expo Mundial de Nova Iorque, Exposición francesa en Moscú, en Tetúan, en Rabat, en Caracas ou en México D.F.