Novembro acollerá o XXXII Ciclo de Teatro de Ponteceso

O  Concello de Ponteceso presenta unha nova edición do seu xa consolidado Ciclo de Teatro, que este ano alcanza a súa XXXII edición, un dos máis lonxevos da provincia da Coruña e un referente cultural na Costa da Morte. Durante os sábados do mes de novembro, o Edificio das Escolas, sempre ás 22:00 horas, converterase nun espazo de encontro co mellor teatro galego contemporáneo, ofrecendo cinco propostas diversas que combinan comedia, reflexión e crítica social.

O ciclo abrirase o 1 de novembro coa obra “O proceso” da compañía Malasombra, unha sátira chea de ironía sobre o poder e a burocracia. O 8 de novembro será a quenda de Lila Teatro con “Rara avis 3.0”, unha peza que representa a empatía, a coraxe, a perseverancia e un particular sentido do humor. O 15 de novembro, Contraproducións presentará “Apaga o candil”, unha comedia intelixente que invita a pensar sobre a convivencia e as relacións humanas. O ciclo continuará o 22 de novembro con A&Z Producións, que traerá “A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor”, unha proposta fresca e divertida sobre o enredo das relacións persoais e profesionais. Finalmente, o 29 de novembro, pechará o ciclo De Ste Xeito coa obra “Neura”, unha comedia contemporánea sobre o estrés e a vida moderna.

A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, subliña que “é unha honra poder celebrar trinta e dúas edicións dun ciclo que é parte da identidade cultural de Ponteceso. Ano tras ano, o teatro demostra ser unha ferramenta fundamental para unir á veciñanza e fomentar o pensamento crítico a través da risa e a emoción”. Fondo destacou tamén “o labor das compañías galegas, que seguen apostando polos escenarios locais para achegar propostas de gran calidade”.

As entradas poderán reservarse na Tesourería do Concello durante a mesma semana de cada función e incluso o mesmo día da obra, se hai dispoñibilidade, ou a través do teléfono de Cultura (630 907 124). Desde o Concello de Ponteceso anímase á veciñanza e ao público da contorna a gozar dun mes cheo de teatro, cultura e encontro comunitario pensado para un público adulto.