O PSOE critica as vacacións do Concello

O voceiro dos socialistas de Ponteceso, Lois García Carballido, saíu á palestra nas últimas horas para denunciar que a Casa do Concello de Ponteceso está pechada durante este mes de agosto. Carballido saca esta conclusión logo de que non puidera consultar certas documentacións nestes días de agosto, ao estar de vacacións a Secretaria municipal. Os socialistas critican duramente que o Concello non funcione a pleno rendemento neste mes de agosto “cando temos oito concelleiros cobrando”. García Carballido lembrou que Ponteceso destina máis da metade dos orzamentos municipais a pagar ao persoal municipal. Tamén recordou que Ponteceso é o único concello onde todos os concelleiros teñen soldo. Situación económica do Concello Segundo os progresistas da vila de Pondal, os informes de intervención confirman a presenza de facturas que “non están tramitadas oportunamente” e non orzamentadas. Tendo en conta os informes de intervención, os socialistas din que o alcalde minte ao afirmar que “ no PSOE non saben do que falan”. García Carballido afirma que o Concello non modificou a situación de desequilibrio financeiro antes de subir o soldo do alcalde 5.000 euros. O edil do PSOE voltou comparar o soldo de Fondo Aguiar co de outros alcaldes de Galicia. Nesta ocasión asegura que o rexedor pontecesán cobra máis que o alcalde de Ferrol, tamén do Partido Popular, “pero que goberna para 90.000 persoas, non para 6.200 como en Ponteceso”. Lois García Carballido instou ao alcalde, José Luis Fondo Aguiar, “a que deixe de descalificar ao líder da oposición e xustifique diante dos cidadáns os soldos galácticos do goberno”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do PSOE de Ponteceso.