Os peques de Ponteceso alucinaron co Helicóptero da Garda Civil

Coma se de heroes se tratasen, varias patrullas da Xefatura Provincial de Tráfico de A Coruña fixeron unha visita moi especial no Pinguel a 50 nenos e nenas de Corme e Ponteceso. No marco dunha xornada de educación e sensibilización viaria, a Benemérita, coa colaboración de Protección Civil, permitiu que as crianzas vesen de preto motos, coches e ata un helicóptero do instituto.

A expectación era máxima. Nin o sol nin as altas temperaturas rexistradas hoxe puideron co entusiasmo e a emoción de coñecer de preto aos axentes da Garda Civil e, por suposto, de subir aos vehículos habilitados para a ocasión; dúas motos e dous todoterreo. Ademais de acender as luces e facer soar todas as sereas, os/as rapaces/as someteron a un arduo interrogatorio aos efectivos preguntando sobre cada botón que atopaban. Entre os curiosos/as que se achegaron tamén estaba un aspirante a Garda Civil, Eloy Silvariño, de 19 anos de idade e natural de Baio, que, mentres agarda o seu ingreso na Escola de Oficiais de Zaragoza, quixo ir coñecendo xa funcionamento das unidades motorizadas.

Helicoptero da Garda Civil no Pinguel

Pero o gran protagonista da mañá non chegou por terra, senón que o fixo por aire. Aproveitando os labores de vixilancia que estaba realizando na zona, o helicóptero da Garda Civil achegouse ata o Pinguel para compartir cos nenos/as unha experiencia única e, a bo seguro, inesquecible. Divididos en varios grupos foron atendendo as explicacións dun dos pilotos sobre o funcionamento e os labores diarios que desenvolven.

E como a curiosidade dos máis cativos/as non ten límites, a visita acabou por converterse nunha clase maxistral na que non faltou detalle, aínda que a pregunta máis repetida foi para saber “se os malos tamén van detidos no avión”.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/os-heroes-de-muxia/ https://quepasanacosta.gal/unha-xornada-de-convivencia-e-seguridade-cos-peques-de-brens/
Unha nena de Ponteceso disfrutando dunha das motos da Garda Civil