Os trasn@s preparan a segunda etapa do Camiño dos Faros cun límite de 500 participantes

Unhas 700 persoas participaron na primeira etapa da sexta edicion do Camino dos Faros. Imaxe: Antonio González Franco "Non está no noso ADN facer isto, pero vémonos obrigados a limitar a 500 o número de participantes da 6ª edición do Camiño dos Faros a partir da segunda etapa que será o vindeiro tres de abril". Son varias as razóns que levan aos organizadores deste evento a poñer límite nas súas convocatorias - na primeira etapa deste ano participaron 700 persoas - se ben a conservación da natureza é unha das máis importantes. Un dos principais valores que defenden os trasn@s é o "máximo respecto á natureza". Tendo en conta que esta edición se celebra en plena primavera, mes por excelencia da natureza, o paso de centos de persoas de xeito incontrolado pode alterar o ciclo biolóxico das especies que habitan na contorna. Ademais da conservación da natureza, outras das razóns polas que os organizadores se ven obrigados a poñer un límite de participantes é a seguridade. Ainda que, a priori, o Camiño dos Faros non é perigoso o participante pódese atopar con trabas no caso de que non leve a equipación axeitada. "Hai xente que non le as recomendacións nin sabe moi ben onde se mete... e un 10% de participantes aparece con zapatillas de deporte", sinalan dende a organización. Tal e como informan na páxina oficial, os organizadores vense obrigados a poñer este límite de participación co fin de que "o Camiño dos Faros exista tal e como o deseñaron os trasn@s e que o faga moita xente co máximo respeto á natureza". Como participar Para participar nas restantes sete rutas desta edición é obrigatorio cubrir o "Pliego de Descargo" dispoñible na páxina web do Camiño dos Faros e, unha vez cuberto, ingresar 35€ correspondentes ás sete rutas nas seguintes 48 horas na conta da organización (ES25 0081-2186-89-0001137814), facendo unha única transferencia por participante e poñer o nome no concepto da transferencia. Isto dá dereito a participar nas etapas, aos traslados en bus e ao seguro correspondente. Os interesados en participar deben anotarse canto antes xa que o mércores había 300 persoas confirmadas. O que non estarán limitadas serán as pre-etapas, que se celebran o sábado na vila dende a cal se inicia a etapa ao día seguinte.  

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Camiño dos Faros