Perfilando o plan de actos para conmemorar o Ano Internacional de Mourelle

Xuntanza en Ponteceso coa Subdelegacion do Goberno polos actos do Bicentenario de Mourelle da Rua
  • Este venres, Suso Lista comeza un programa especial na Radio Roncudo sobre o Almirante Mourelle.

Este 24 de maio de 2020 (ano Declarado a nivel municipal como Ano Internacional de Mourelle) conmemórase o 200º aniversario do pasamento de Francisco Antonio Mourelle da Rúa. O ilustre cormelán é considerado un dos descubridores da historia da navegación española e parece que, por primeira vez, as institucións están volcadas en recoñecelo. Pouco a pouco vanse perfilando as accións para celebralo, tanto a nivel institucional como social, pois as ondas da Radio Roncudo emitirán unha serie de especiais do Almirante.

Así o confirmaba Suso Lista esta mañá, que volve á radio libre da comarca de Bergantiños para contribuír, coas súas historias no Bicentenario. Suso procederá á lectura de navegación do ilustre navegante cormelán, fará comentarios sobre eles e entrevistará a diferentes especialistas ademais de repasar e anunciar os actos que terán lugar neste ano. Farao cada venres de 16:00h a 17:00h no seu novo programa, A Sonora, aproveitando tamén is contidos recuperados na rede por María Suárez González a través da etiqueta #bicentenariomourelleencorme.

”Temos que aproveitar para poñer a Corme no mapa. É unha cousa da que queremos, e temos, presumir”, sinala un implicadísimo Suso Lista, que tamén estivo presente na reunión institucional que se celebrou onte no Concello pontecesán. O polifacético cormelán aportou numerosas ideas para o programa de actos do Bicentenario que compartiu coa subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Rioboo, o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal; o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e outros membros da corporación municipal. Contan ademais con que a Armada se involucre nos actos.

A primeira medida é o establecimento dun protocolo de colaboración co Ministerio de Defensa dada a significación histórica do mariño cormelán polas numerosas expedicións e fazañas que caracterizaron a súa vida de navegante. Pero son moitas as ideas que están enriba da mesa: charlas, conferencias, concertos, exposicións, concentracións… Ou ata buscar a posibilidade de achegar ao fondeadoiro natural de Corme grandes e históricas embarcacións.

Pilar López Rioboo aproveitou a visita para achegarse ata o cuartel da Garda Civil, onde veñen de levarse a cabo recentemente obras de renovación da cuberta para evitar os problemas de humidades.

Novas relacionadas