Piden que a Xunta garanta o transporte público para o alumnado do IES Ponteceso
A deputada socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias anunciou que presentará unha iniciativa a través da que se esixe a mellora do transporte público na zona de Ponteceso co obxectivo de garantir un correcto servizo ao alumnado de formación profesional. Iglesias aclarou que se trata dunha demanda da
comunidade educativa, que vén denunciando que as frecuencias non dan resposta ás necesidades do estudantado.
Entre as deficiencias que indican, sinalan a falta de servizos de liña regular que unan as vilas da contorna, en especial coa cabeceira da comarca, Carballo. Esa circunstancia supón un obstáculo para o desenvolvemento do centro de FP de Ponteceso, xa que limita o acceso de rapazas e rapaces de outros concellos da zona.
Outra queixa que están a trasladar mozas e mozos da vila en relación co transporte público é a imposibilidade de tramitar en Ponteceso a tarxeta Xente Nova, que lles permite aos menores de 21 anos realizar viaxes gratuítas nos buses interurbanos. A día de hoxe, deben desplazarse ata Carballo para poder conseguila.
Por ese motivo, Iglesias avanzou que, a través da iniciativa que rexistrará proximamente, os socialistas requeriranlle á Xunta que os rapaces e as rapazas interesados poidan obter a devandita tarxeta tanto en Ponteceso coma en Corme, nas oficinas da entidade bancaria coa que a Administración autonómica ten subscrito un acordo para tal fin.