Pondal PonteBen
08 de decembro de 2010 (09:52 h.)
Mércores saudable na Fundación Eduardo Pondal
O salón de actos da Casa do Cura (Fundación Eduardo Pondal) acollerá este mércores 8 de decembro, a partir das 5 da tarde, a segunda xornada do programa PonteBEN!! Nela colaborarán os establecementos Arnica II e óptica A Trabe a través das súas xerentes Fátima Bello Cerdeiro e Belén Bello Cerdeiro. Esta xornada saudable desenvolverase en dúas sesións: na primeira, as xerentes expoñerán ós 50 inscritos na mesma consellos para mellorar a súa calidade de vida desde os ámbitos da nutrición, vista e oído; na segunda, realizaranse revisións ópticas e audiométricas gratuítas. Ademais, todos os que pasen pola Fundación Eduardo Pondal recibirán como agasallo, por xentileza da farmacia de Ponteceso, a revista Consellos do farmacéutico.Seguintes sesións
O programa PonteBEN!! continuará nas tardes dos vindeiros domingos 12 e 19 de decembro nas que se desenvolverán accións divulgativas en parafarmacia, odontoloxía, actividade física e gastronomía saudable. O domingo 12, recuperarase a suspendida xornada inicial.Carta de Eduardo Pondal a Josefa Pondal
[A Coruña, 14 de xuño de 1.898.] [..] Polo que toca a esa pequena inchazón, que dis tes na empeña e principio da perna, é cousa insignificante e de pouca importancia.Iso é un simple edema, que adoitan padecer moitas mulleres que saen pouco, e non é síntoma de afección seria [...] A miña opinión é que debes lavar as pernas e os pés de cando en cando cun cocemento de follas e leves talos frescos das plantas seguintes, que hai nesa horta: de romeu, de herba abelleira (ou melisa), de herba luísa (ou artemisa). De todo isto, unha boa presa cocida en auga. Úsaa levemente morna. Pon sobre o inchazo un trapiño empapado nesa auga e usa encima unha media algo cinxida para comprimir. Podes beber todas as mañás un cuarteirón de auga de Mondariz ou de cervexa, que che mandarei se queres. Das dúas, a que máis che guste. Isto e tomar de cando en cando na horta o paseo por fóra ó aire libre serache bo, moi bo. Toma un bo vasiño de leite con cada chocolate e fai exercicio moderado. Sen máis por hoxe, desexa que sigas ben este teu moi afectuoso irmán Eduardo.Fonte
- Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal da man de Xosé Manuel Varela.