Pondal tamén pensa na saúde dos seus veciños

A Fundación Eduardo Pondal (FEP) vén de presentar este mediodía a súa programación de actividades pera o mes de decembro que se desenvolverá baixo o título de Boandanza e Saúde. O presidente do Padroado da entidade, José Luis Fondo Aguiar, foi o encargado de presentar esta planificación nun acto celebrado na sede da Fundación, e no que estivo acompañado pola asesora da entidade, María José Imia, e varios patrocinadores locais das distintas actividades incluídas en Boanzanda e Saúde.

O programa divídese, segundo explicaron os responsables da FEP, en catro iniciativas que levan por título Convivencias Saudables, Cociña Saudable, Ponte Ben! e Educasaúde. Con estas actividades, a Fundación Eduardo Pondal vén a reivindicar a profesión de médico de Eduardo Pondal que sempre estivo moi relacionado co mundo da saúde e os hábitos saudables.

Convivencias saudables

Así, baixo o epígrafe de Convivencias saudables desenvolveranse dúas actividades, unha delas no Albergue de Gandarío, en Sada, A Coruña, na que participarán nenos de entre 3 e 12 anos xunto cun grupo de pais. No decurso desta acción, terán lugar talleres de xogos, danza, teatro, deporte, etc… e as familias asistirán a unha xornada informativa sobre hábitos educativos saudables para transmitir aos seus fillos. A actividade que terá lugar este sábado, 24 de novembro, e o domingo, 25 de novembro, está patrocinada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Tamén no apartado de Convivencias saudables, o domingo, 2 de decembro, a Casa dos Veciños acollerá a iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria do Goberno galego que leva por título Os Axóuxeres, destinada tamén a pais e nais e nenos na etapa infantil.

Cociña Saudable

As actividades incluídas en Cociña Saudable desenvolveranse os sábados do mes de decembro a partir das 17,00 horas e xirarán en torno a maneiras de cociñar de forma económica; unha xornada de cazadores e recolectores; outra impartida por Galicia Calidade e outra de conservas e pratos precociñados. Nestas xornadas participarán os restauradores, Juan Carlos Ulla, Juan Jesús Mato, Marían Rodríguez e Juan Jesús Mato, respectivamente.

Ponte Ben!

O programa Ponte Ben! descorrerá os domingos do mes de decembro ao longo de catro sesións sobre hábitos de vida saudables que serán impartidas por Sheila Rellán e Noelia Pereira da Parafarmacia Horizonte; por Fátima Bello e Belén Bello do centro Arnica II; por José R. Bazar, Sara Verdes e Fernando Rodríguez da Clínica Dental J.R. Bazar e finalmente, terá lugar unha actividade física centrada na técnica Pilates, dirixida por Juan Lista e Eva Sendande.

A novidade: Educasaúde

A Fundación Eduardo Pondal introduce este ano unha nova actividade en época de Nadal que leva por título Educasaúde. Con esta iniciativa, persoal técnico e monitores da FEP atenderán a nenos de entre 3 e 12 anos durante os días de vacacións de Nadal con xornadas que irán desde as 11,00 horas ata as 13,30 horas, contribuindo así á concicliación da vida familiar e laboral das familias do rural.

Finalmente, desde a Fundación Eduardo Pondal quíxose agradecer moi especialmente a colaboración de todas as entidades que fan posible esta programación, desde distintos departamentos da Xunta de Galicia ata empresas locais, pasando por asociacións, fundacións e centros educativos, así como a participación de persoas que a título personal colaboran en todas as iniciativas que desde a FEP se propoñen para contribuir a formar e educar á sociedade en hábitos saudables.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal.