Ponteceso tamén emprega no POS a gasto corrente e pide a Xunta a Declaración do Festiletras como Festa de Interese
Seguen os Concellos aproveitando as axudas do POS+ da Deputación da Coruña principalmente para gasto corrente. Así acontece co Concello de Ponteceso, que vén de aprobar na sesión plenaria celebrada este mércores, cos votos en contra de APIN, o investimento total do POS e do POS Complementario de 848.186,55 euros.
Do POS ordinario, ao Concello de Ponteceso correspóndenlle 715.044 euros, que serán destinados integramente a gasto corrente, para “garantir a prestación dos servizos municipais e executar actuacións necesarias con maior axilidade”, segundo o rexedor, José Manuel Mato.
Pola súa banda, os 133.142,55 euros do POS Complementario destinaranse á mellora de tres camiños veciñais na parroquia de Tella, unha actuación que busca mellorar a seguridade e a accesibilidade nas vías rurais.
Outras mocións
No mesmo pleno, e xa fóra do ámbito do POS, a corporación aprobou a modificación urbanística dunha parcela de titularidade municipal situada en Os Melcos, na parroquia de Langueirón. O obxectivo é posibilitar no futuro a construción dun centro de interpretación do Medio Rural, que tamén acollerá o centro social parroquial. Esta iniciativa conta cun orzamento estimado de 232.000 euros e requiría desta modificación ao tratarse dun solo rústico de protección agropecuaria.
Ademais, o pleno acordou solicitar á Axencia de Turismo de Galicia a declaración da festa Festiletras como Festa de Interese Turístico, co obxectivo de poñer en valor este evento cultural e reforzar a súa proxección turística e social.