A Xunta pon en valor os recursos educativos e de dependencia de Ponteceso

Visita do Conselleiro de Educacion ao IES de Ponteceso 2

Doble visita a que recibía onte o Concello de Ponteceso, gobernado polo popular José Manuel Mato, en materia de ensino e de dependencia.

Por un lado, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, achegábase ao IES Eduardo Pondal para avanzar o investimento en colexios e institutos de toda Galicia para atender as incidencias dos temporais. Asegurou que a Xunta inviste xa 5,2 M € en 119 actuacións de reparación, entre as que se atopa o cambio de 3.578 m² de cuberta do centro pondaliano, cun investimento de case 400.000€. Neste momento o proxecto está en supervisión, co obxectivo de licitalo canto antes e poder executar a obra no verán. A nova cubrición será de panel sándwich de 30mm de espesor con illamento térmico de la de roca e lucernarios de policarbonato. Tamén se impermeabilizarán os  500 m² e colocaranse novos canlóns e baixantes.

Avanzou ademais que tamén investirán 105.000€ para melloras no Colexio Eduardo Pondal, así como a instalación dun ascensor no propio instituto.

Casa do Maior

Pola súa parte, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e da concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez, visitou hoxe os cinco usuarios da nova casa do maior A Campara, de Ponteceso, que abriu as súas portas recentemente. Trátase dun dos 160 recursos destas características que a Xunta impulsa en Galicia e que suman xa 800 prazas gratuítas de atención diúrna no rural.