Escolares de Laxe e Santa Comba, gañadores dos Premios Dígochoeu
O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame. E entre eles, dous proxectos da Costa da Morte.
Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo ‘E ti, queres ser laxense por un día?’; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado ‘Palabras polisémicas nas Olimpíadas’,
Ademais, o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia ‘Lingoreteiros do mundo’.
Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo ‘O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá’. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado ‘Díghocho meu!’, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado ‘A dorna das cen palabras’.