Falece un home de 51 anos en Santa Comba ao caerlle enriba un ferro nun accidente laboral

Un traballador de 51 anos perdía a vida onte, luns 10 de setembro, nun accidente laboral acontecido en Busto, Santa Sabiña, Santa Comba. 

O 112 Galicia foi coñecedor deste accidente mediante un particular, arredor das 13:20 horas. Polo que indicou o alertador, a un traballador caéralle un ferro enriba, aínda que non se atopaba atrapado.

Decontado, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, á Garda Civil e á Policía Local.

Os servizos de emerxencias trataron de reanimar á vítima, aínda que só puideron confirmar o seu falecemento.