Medio millar de valentes orgullosos do agro desafiaron ao tempo na Clásica Gandeira de Santa Comba
Fermosa xornada a vivida esta fin de semana en Santa Comba co gallo da VI Clásica Gandeira. Baixo o lema Únete ao rabaño, corre polo rural, e incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, a proba organizada polo Concello, contou con medio milleiro de atletas, que fixeron da Avenda Alfonso Molina, un centro máis que vivo e orgulloso do seu.
Non evitou o frío o goce dunha das citas deportivas máis singulares da comarca, que tivo o seu momento máis emotivo na homenaxe que se rendeu ao atleta ferrolán recentemente falecido Jesús Bernal, un habitual na Clásica Gandeira polo que se gardou un minuto de silencio.
Os gañadores
O estradense Cristóbal Dios (35.40) e a santiaguesa Alejandra Núñez (44.17) impuxéronse este sábado na sexta edición da VI Clásica Gandeira de Santa Comba, na que participaron
Cristóbal Dios cruzou a liña de meta seguido por Rubén Caamaño (35.51) e Míchel Fernández (35.55), segundo e terceiro clasificados, respectivamente. Na categoría feminina, por detrás de Alejandra Núñez chegaron Vanesa Blanco (45.00) e Elena Míguens (45.45).
Na proba de 3K subiron ao máis alto do podio Carlos Fraga (08.46) e Jenny Muíño (13.16), xunto con Luis Miguel Feito (08.54), Diego Rojo (08.59), Alexia Cambre (13.33) e Olalla Beiroa (13.48).
Atletas xalleiros
En canto aos atletas locais, os máis rápidos de Santa Comba en percorrer os dez quilómetros foron nesta edición Bruno Castro (36.02) e Ángela Barbeira (56.04), mentres que os mellores na proba de 3K foron David Barbeira (10.51) e Noelia García (15.04).
O Club Atletismo Sar e o Club Correxallas tamén resultaron premiados, como 1º e 2º clasificados, respectivamente, por equipos na 10K, un circuíto de 10 quilómetros que ofrece unha experiencia única pola paisaxe de Santa Comba, cun percorrido mixto de asfalto e terra que atravesa diversas explotacións gandeiras.
Coa Clásica Gandeira, Santa Comba convértese nun referente do deporte rural, promovendo a vida activa, a saúde e os valores de igualdade e inclusión, consolidando esta cita deportiva como un evento de interese tanto para participantes coma para a comunidade en xeral.