Recuperando a riqueza das mámoas en Santa Comba

Imaxe da Mámoa de Os Calvetes 3 recollida no informe de Lino Gorgoso e Fátima Sánchez en O Son da Curuxa

43 mámoas ou medoñas conservadas, e outros 25 xacementos arqueolóxicos desaparecidos nas últimas décadas, é a colleita do estudo realizado polos arqueólogos xalleiros Lino Gorgoso e Fátima Sánchez, que veñen de publicar na web O Son da Curuxa de Santa Comba.

Un informe que nace da falta de información arredor do patrimonio xalleiro, que puideron comprobar a raíz de varios comentarios nas redes sociais noutros interesantes artigos da web sobre mitos e lendas do noso rural. De aí, que a a súa loita contra o abuso do patrimonio histórico e as gañas de poñelo en valor fixéronlle poñerse a traballar.

Pendentes de analizar tamén os castros, debido ao éxito deste informe divulgativo, Lino e Fátima sacan varias conclusións.

Por un lado corroboran a gran cantidade de elementos arqueolóxicos que ten Santa Comba, onde aparece un túmul cada 4,7 km2, dunha riqueza e variedade que non existe noutras zonas de Galicia “e que reflicte as fases construtivas e cronolóxicas deste fenómeno histórico que é o megalitismo.”

Polo outro lado, recoñecen que “o panorama é desolador, debido ás importantes destrucións realizadas pola actividade agrícola”. “É preciso actuar como outras comunidades sociais e concellos veciños, que na última década tomaron conciencia da importancia destes xacementos no só como valor turístico, senón coma o que son, tumbas dos nosos devanceiros e pegadas no territorio que teñen o mesmo valor que unha capela, unha igrexa ou un cruceiro”, apuntan.

Un futuro esperanzador

Pero a nota positiva vén en clave de futuro. “O Concello xa se interesou polo asunto e próximamente teremos unha reunión co alcalde”, explícanos Gorgoso. ”Ademais van aparecendo novas mámoas cada vez que buscamos, o que nos vai a poñer nun lugar destacado en Galicia”, sinala.

”Estamos seguros que aumentando a inversión en poucos anos o catálogo patrimonial, e en específico de mámoas e medoñas do noso municipio, acadará cifras similares ós concellos lindeiros, ocupando o lugar que merece na investigación da Historia de Galicia. Depende de nós”, conclúe no informe.

Os nomes orixinais


 Vista dende a estrada de Coristanco da Mámoa 1 de Sanguiñeira recollida en OsondaCuruxa

Unha das apostas do traballo é a recuperación dos nomes orixinais das mámoas. Mámoa de Pedra Branca (Santa Sabiña), As Medoñas dos Cotóns (As Travesas, Santa Sabiña), A Medorra / As Casas dos Mouros (Rebordelos, Cícere), a Cista do Tesouro de Cícere (O Mato, Cícere), Mámoa do Rego do Mouro (Grixoa), Mámoa do Castro de Atrás (Armán, Grixoa / limítrofe con Zas), Mámoa de Alto do Outeiro / Coto da Mámoa (Boaña de Arriba, Castriz), Mámoa de Tras do Bustelo (Grixoa de E. / limítrofe con Coristanco), Mámoa da Moa do Zapateiro (Grixoa de E. / limítrofe con Coristanco) ou Cista das Fariñas (O Covelo, Santa Comba) son algúns deses marabillosos nomes que volven formar parte do noso rico patrimonio etnográfico.

Máis información

Novas sobre Arqueoloxía