As rochas vivas da veciñanza xalleira: “Santa Comba é un dos concellos con maior diversidade de rochas de Galicia ”
Granito, wolframita ou cromita son nomes relativamente coñecidos de rochas e minerais. Se cadra non escoitaramos nunca nomes como as peridotitas, os gabros ou pegmatitas. Pero todas teñen un denominador común: poden atoparse en Santa Comba.
Porque como nos conta o xeólogo Fran Canosa (@francanosageologo) “Santa Comba, se non o é porque pode que se me escape algún, aínda que non creo, é un dos concellos con maior diversidade de rochas de toda Galicia”. O Director Científico no Cabo Ortegal Xeoparque Mundial da UNESCO leva tempo saíndo de ruta co alumnado do IES Terras o Xallas, e a partir dese contacto tamén co profesorado foi xurdindo a súa colaboración cun dos proxectos veciñais máis ilusionantes dos últimos tempos no concello xalleiro.
Foi un grupo de veciños e veciñas os que, tras recibir as historias de Fran a través dos seus fillos, decidiron poñer en marcha esta iniciativa centrada no coñecemento e na divulgación da riqueza xeolóxica da comarca xalleira. O propósito principal é identificar e documentar as formacións rochosas características da zona, facilitando a súa comprensión tanto para os habitantes coma para posibles rutas de interese xeolóxico.
O primeiro paso do proxecto, que conta coa colaboración municipal, consiste na creación dunha exposición urbana, coa instalación de diversos exemplares de rochas representativas da xeoloxía local en distintas zonas verdes do casco urbano, cada conxunto de rochas teñen unhas caracterísitcas semellantes, e que irán incorporando Qr informativo, vinculada á web municipal, con toda a información sobre as rochas. .
- A contorna do multiusos será unha delas e levará por título “o interior da Terra aos teus pés”, esta xa medio instalada.
- Na Casa do Pozo haberá outra será a denominada “cando a Terra recicla rochas”.
- E nos xardíns do IES Terra de Xallas, poderán contemplarse “os tesouros minerais de Santa Comba”.
Falamos con el que nos conta un pouco máis do proxecto:
- É tan importante a singularidade xeolóxica xalleira, entón?
Máis que singularidade, ten unha variedade xeolóxica moi destacada. Non é tanto que teña algo moi raro, senón que ten moito nun espazo moi pequeno. De feito, creo que se non é, se non se me escapa algún, que non creo, é un dos concellos de Galicia con maior diverisdade de rochas de Galicia no seu termo municipal.
- Como o fuches descubrindo?
Eu fun o primeiro sorprendido, nunca me parara a pensar nelo. Coa miña investigación do territorio, e coas saídas escolares, cando profundizas, te das de conta de que si, o que parecía si que o é.
- Hai algunha zona concreta do Concello particularmente rica?
Hai unha zona, toda a parroquia de San Salvador, que tivo un interese económico no pasado, co tema do wolframio. Pero dende o punto de vista da singularidade, o máis raro e escaso na península é na zona de Castriz e Bazar, porque aquí vemos rochas de moita profundidade e que non se adoitan ver na superficie.
- E que che parece que a veciñanza propoña un proxecto coma este? Porque a xeoloxía se mira menos que outras ciencias, non?
De feito, para min a primeira sorpresa foi que uns veciños, sen coñecementos avanzados de xeoloxía, tivesen tanto interese. Non é o normal. E por iso eu estou a tope, en todos os sentidos. Quedei abraiado da boa disposición, dos medios que mobilizaron para que se faga posible. Tomárono en serio e con ilusión.
- Faranse tamén outras actividades?
Si, de feito, quixen premiar esta iniciativa veciñal para que Santa Comba acolla no mes de maio unha actividade importante que organizamos da man da Asoc. Geológica Estatal. Sempre facemos un punto por provincia, e este ano vimos a Santa Comba. “É como poñer Santa Comba no mapa da Xeoloxía de España polo menos por un día”.
Será unha actividade aberta ao público, de balde, guiada por min, que vén xente de todas partes de España. Ollo que cada vez máis demanda e non é doado conseguir praza.