Santa Comba abre as inscricións para observar o eclipse solar e as Perseidas o 12 de agosto

Santa Comba abre as inscricións para participar nas actividades de Santa Comba Astronómica 2026, que se celebrará o mércores 12 de agosto no Monte de San Bartolomeu. A iniciativa permitirá seguir desde este enclave o eclipse solar e a choiva de estrelas das Perseidas a través de observacións guiadas, nunha programación que se estenderá desde as 17.30 horas ata ben entrada a noite.

A xornada comezará ás 17.30 horas co obradoiro familiar Movendo estrelas, unha proposta con prazas limitadas que require inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse a través dun formulario, nesta ligazón. 

Ás 19.00 horas dará comezo a observación guiada do eclipse solar. A actividade contará con gafas homologadas para poder seguir o fenómeno de maneira segura e o acceso estará condicionado á inscrición previa ata completar a capacidade dispoñible. As reservas poden realizarse na plataforma de reservas habilitada polo Concello.

A programación continuará ás 21.00 horas co concerto de Monoulious DOP. A música dará paso, ás 22.15 horas, a un momento de encontro arredor dun chocolate con rosca para todas as persoas asistentes.

Ás 23.00 horas comezará a observación guiada da Noite das Perseidas, que permitirá achegarse a un dos fenómenos astronómicos máis populares do verán coa orientación de persoal experto. O acceso tamén require inscrición previa ata completar capacidade, a través da mesma plataforma municipal de reservas.