Santa Comba ponse Naturalmente Forte de cara á V Clásica Gandeira

Unha ateigada Casa do Pozo ateigado, acollía a presentación do programa Naturalmente fortes, unha iniciativa conxunta e pioneira lanzada entre o Concello de Santa Comba e Centro de Saúde arredor da quinta edición da carreira popular Clásica Gandeira, unha das máis peculiares de Galicia, tanto polo seu percorrido que atravesa varias granxas e cuadras, como pola súa filosofía de emparellar deporte, vida no rural e sector agro-gandeiro.

“A partir deste ano queremos que a Clásica Gandeira sexa a oportunidade para involucrar a toda a veciñanza en programas que promovan a saúde, a educación de calidade, a igualdade e concienciación medioambiental, todos ODS que dende o concello pensamos que é imprescindible incorporar na programación estratéxica das actividades municipais”, comenta a concelleira de Cultura e Deporte Patricia Val Antelo, que engade “o programa Naturalmente fortes, e súa receita Mitocondria, nacen grazas a colaboración activa e constante co Centro de Saúde, que expresou a necesidade de dotar ás persoas usuarias de ferramentas máis alá dos medicamentos para poder mellorar a súa condición física e o seu estado de saúde xeral".
A doutora Laura Vela amosouse moi orgullosa e satisfeita de poder levar a cabo un programa que “responde as necesidades que vemos no día a día da nosa práctica profesional, e que ademais incorpora un marcado factor humano e social que tamén é imprescindible para o fomento dunha vida saudable e equilibrada”

O programa, xestado despois de varias reunións do Plan de Saúde Local, ten como finalidade receita a práctica deportiva como instrumento para a mellora da saúde.

Durante os meses de marzo, abril e maio, as case 50 persoas diana seleccionadas levarán a cabo unha rutina de exercicios pensados para mellorar o seu estado físico. Ao longo de catro sesións presenciais o experto en actividade física e deporte Juanma Vega e o seu equipo guiarán as persoas participantes para que estas poidan replicar rutinas de forza nos seus fogares, monitorizando o progreso individual
ao longo das sesión e do tempo.
Adicionalmente, o programa proporá tamén talleres de ioga a cargo dos centros Alba e Samarel, unha clase de meditación impartida pola Asociación Peregrinos del Camino, unha charla sobre nutrición que levará a cabo a endocrinóloga Cristina Guillín e unha andaina polos percorridos da 10K da Clásica Gandeira (todas elas sesións que tamén estarán abertas ao resto da poboación)


 

Programa