Últimos días para inscribirse no Obradoiro de Emprego Dual de Santa Comba

Imaxe da entrega dos certificados de profesionalidade do pasado Obradoiro de Emprego xalleiro

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu un novo obradoiro de emprego no que participan os concellos de Santa Comba (concello promotor), A Baña, Val do Dubra e Negreira.

O Obradoiro Reacciona conta de dous módulos formativos baixo a denominación de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Limpeza de espazos abertos e instalación industriais, e poderán lévalo a cabo 20 alumnos/as en total, dez por especialidade.

A formación impartirase no centro de formación Escola-Obradoiro do Concello de Santa Comba e o alumnado cursará a parte práctica en espazos municipais de cada un dos municipios participantes. Os participantes contarán cun contrato de traballo de 40 horas semanais durante un ano e a data aproximada de inicio é o 19 de setembro.

As persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e ter solicitado a súa inclusión nos obradoiros na propia Oficina de emprego. O prazo para inscribirse para este obradoiro remata o 26 de agosto e poden informarse en santacomba.es.