A Xunta inviste na mellora da rede de saneamento do parque empresarial de Santa Comba

Visita do Delegado da Xunta na Coruña ao parque empresarial de Santa Comba.

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou o remate das obras da Consellería de Economía, Emprego e Industria financiadas con máis de 119.000 euros para levar a cabo a mellora da rede de saneamento do polígono industrial de Santa Comba. Este parque, construído no ano 2003, ten unha superficie de 113.454 metros cadrados e conta con 24 empresas.

Ovidio Rodeiro recalcou que “esta actuación que financia a Xunta, en colaboración co Concello de Santa Comba, tivo como obxecto levar a cabo a reforma e mellora de capacidade da rede de saneamento que agora permite separar a rede de pluviais e de fecais para evitar o colapso do colector existente e reducir o bombeo á Edar de Santa Comba, xa que esta obra permite agora enviar só as augas fecais co conseguinte aforro económico para o polígono e para o funcionamento habitual da estación depuradora do municipio”.

“Esta actuación reduce o envío do caudal de augas pluviais para poder asumir un maior caudal de fecais en previsión de novas implantacións de actividades neste polígono”, puntualizou o delegado territorial.