A Asociación Turística Calo Rural trasladou ao PSOE a súa preocupación polo impacto da ampliación do Corredor

Esta previsto que este 2018 a Xunta leve a cabo a ampliación en 5,5 km da Autovía, iso si, en forma de Corredor. Unha obra que, en todo caso, vai traer as súas consecuencias, como llo explicaban onte membros da Asociación Turística Calo Rural Costa da Morte ás representantes do PSdG, Paula Mouzo e Loli Toja.

Casas particulares e casas rurais a só 100 metros

A voceira local de Vimianzo e a Deputada socialista recibiron queixas sobre o posible impacto acústico e ambiental na parroquia de Calo, xa que o proxecto transcorre ao longo de toda a parroquia, atopándose o núcleo a tan só 100 metros. Isto poderá provocar nalgúns fogares, “graves problemas acústicos e de polución, mermando a súa calidade de vida”, segundo os veciños.

Consideran así necesarias “medidas precautorias”, tales como barreiras acústicas, tanto naturais como artificiais, para evitar os graves perxuizos na súa saúde, valor patrimonial das localidades, e actividade económica, xa que hai 7 negocios relacionados con turismo rural e vacacional e outro novo en trámites, os cales "fixeron un gran esforzo por adaptar as vivendas ao entorno, e esperan por parte da Xunta un esforzo como mínimo similar”.

Ao mesmo tempo, alertan do “impacto visual e estético que se producirá coa construción do viaducto-ponte, que rompe co entorno rural especial”. Apuntan que se intente que o viaducto garde a estética co mesmo.

Unhas demandas que xa llas presentaron á Xunta, pero que segundo sinalan as voceiras socialistas “a resposta non lles resulta satisfactoria, polo que continúa a preocupación máis a recollida de firmas”. Por iso, Paula Mouzo e Loli Toja presentarán moción no Concello de VImianzo e iniciativa no Parlamento en relación aos temas comunicados, demandando en ambos casos que se tomen as medidas necesarias para garantir as solicitudes trasladadas polos membros da Asociación, e da veciñanza da parroquia de Calo, representada nas firmas recollidas e presentadas na Xunta.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).