Abastecemento: Vimianzo conta cunha nova ETAP
O Concello de Vimianzo vén de rematar as obras de mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), unha actuación destinada a optimizar o proceso de potabilización e reforzar a calidade da auga que chega ás vivendas do municipio.
Os traballos realizados permitiron incorporar unha nova fase de decantación, ampliar o sistema de filtrado e reorganizar o proceso de desinfección, mellorando de maneira significativa a eficiencia das instalacións. Grazas a estas actuacións, será posible eliminar con maior eficacia sólidos, turbidez e outras partículas presentes na auga antes da súa distribución á rede de abastecemento.
Trátase dunha actuación fundamental para reforzar a fiabilidade do abastecemento municipal e seguir avanzando na modernización das infraestruturas básicas do concello.
O investimento realizado ascendeu a 162.860 euros e foi financiado a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+) da Deputación da Coruña.