O Auditorio de Vimianzo convértese nun estudo de radio para celebrar o 30 aniversario de Ponte... nas Ondas!
- 14 centros educativos da Costa da Morte participaron ao longo da xornada de hoxe nun directo de sete horas protagonizado polo patrimonio cultural e inmaterial das diferentes localidades
O Auditorio de Vimianzo converteuse este mércores 26 de marzo, nun dos puntos de emisión da maratón radiofónica que a Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte... nas Ondas’ organizou para celebrar o seu 30 aniversario. Os outros foron Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, Valença do Minho e Lisboa.
Desde a Casa da Cultura vimiancesa, o alumnado de 14 centros educativos da Costa da Morte demostrou o seu coñecemento sobre o patrimonio cultural e inmaterial durante sete horas de directo.
A música popular e tradicional e os oficios artesanais foron os grandes protagonistas dun evento que achegou o mundo radiofónico aos máis pequenos e pequenas dunha maneira moi especial, con entrevistas, actuacións musicais, diálogos, contos, etc.
Participaron:
- IES Maximino Romero co programa ‘Teatro lido de Labarta. Pose no seu centenario’.
- CPI As Revoltas co programa ‘A música en Cabana’.
- CEIP Labarta Pose co programa ‘O mundo rural’.
- CEIP Vila de Cee co programa ‘A escritura e a lingua galega’.
- CEIP Milladoiro co programa ‘Pandereteiras de Malpica’.
- IES Eduardo Pondal co programa ‘A máquina do tempo’.
- CEIP Praia de Quenxe co programa ‘O saber sabor da aldea’.
- CEIP Gándara-Sofán co programa ‘Patrimonio inmaterial de Verdillo’.
- CEIP As Forcadas co programa ‘Percebeiros e redeiras’.
- CEIP San Vicenzo co programa ‘Feminismo’.
- IES Pedra da Aguia co programa ‘O Encaixe’.
- CPI Cabo da Area co programa ‘Influencia científica de Isidro Parga Pongal’.
- CEIP de Dumbría co programa ‘Microtoponimia en Dumbría’.
- CPR N.S. do Carme co programa ‘O mar’.
Na xornada participaron tamén o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, que destacou a importancia “de achegar a cultura aos máis pequenos e pequenas para que coñezan desde as idades máis temperás aqueles trazos que definen a nosa propia esencia” e, concluíu, “para nós é un orgullo poder ser parte deste encontro intercultural que se levou a cabo desde diferentes puntos de Galicia e norte de Portugal”.