O BNG leva ao pleno unha moción ao pleno vimiancés para consensuar a inclusión dun enlace do Corredor ao polígono

Lorena Suárez e Benxamín Queiro do BNG de Vimianzo

O BNG de Vimianzo presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para instar á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, a modificar o proxecto de execución da Primeira fase da prolongación da Autovía da Costa da Morte, no treito Santa Irena – AC-432, actualmente en proceso de licitación.

O grupo nacionalista considera que o proxecto, tal e como está formulado, "prexudica gravemente os intereses económicos, territoriais e de mobilidade do concello", ao non incluír o enlace previsto no lugar do Foxo co vial de acceso ao Parque empresarial e a propia vila de Vimianzo, "unha infraestrutura clave para garantir a competitividade do tecido produtivo local e comarcal".

Dende o BNG garanten que a proposta dará fluidez aos vehículos en dirección Fisterra, xa que o enlace proxectado pola Xunta canalizará a maior parte do tráfico nesa dirección, o que colapsará o cruce do centro da localidade. 

Polo tanto, segundo explica o voceiro do BNG, Benjamín Queiro Pérez: “É prioritario dar acceso a unha infraestrutura estratéxica e habilitar unha nova entrada á vila que evite a saturación do cruce de Camariñas.”

A moción solicita ademais que, mentres non se execute o vial específico ao polígono, o enlace do Foxo se habilite funcionalmente como acceso directo tanto ao propio núcleo do Foxo como á vía municipal que conecta Pasarela coa AC-552, evitando o illamento destes núcleos, a fin de que non se repitan os problemas acaecidos no arranxo da estrada Caxadas-Baiñas.

 

Finalmente, os nacionalistas insisten en que o pago da peaxe da AG-55 en dirección á Coruña constitúe un claro agravio comparativo con respecto a outras comarcas de Galicia, nas que nos últimos anos se foron reducindo ou mesmo eliminando progresivamente as peaxes, polo que reclaman á Xunta que adopte tamén medidas nese sentido.