O BNG de Vimianzo pregunta pola subvención da Deputación para a contratación gratuíta de persoal técnico de Igualdade
O BNG de Vimianzo lamentou que o goberno municipal non solicitase unha subvención da Deputación da Coruña para contratar de xeito gratuíto persoal técnico especialista en Igualdade para este ano 2025.
Trátase dun programa de axudas a concellos con menos de 20.000 habitantes, no marco dun plan de acción provincial para políticas de igualdade de xénero que impulsa a área de Igualdade da Deputación.
O voceiro municipal dos nacionalistas, Benxamín Queiro, considera que as actitudes do goberno “non son coherentes nin lóxicas en canto á materia de Igualdade”, e manifestou que “as actividades que se organizan na semana do 8 de marzo, polo Día Internacional da Muller, son positivas, pero é máis necesario traballar todo o ano e, para iso, poderíase dispoñer dun ou dunha axente de Igualdade”.
A formación nacionalista sinalou que un técnico de igualdade actuaría, entre outras cuestións, "como mediador ou mediadora en asuntos relativos á discriminación de sexo/xénero; proporía estratexias para promover a autonomía e o empoderamento das mulleres; deseñaría estratexias para previr a violencia de xénero e detectando os factores de risco".