O BNG de Vimianzo solicita explicacións pola viaxe de cinco concelleiros a FITUR

Os Penedos de Traba e Pasarela estiveron presentes en FITUR

O BNG de Vimianzo rexistrou no Concello unha solicitude de información para coñecer con detalle os gastos derivados do desprazamento de cinco concelleiros á última edición de FITUR, celebrada en xaneiro en Madrid.

A formación nacionalista cualifica de “innecesaria” a elevada representación institucional e considera que a decisión resulta “especialmente desacertada” no actual contexto económico do Concello, tras pecharse as contas municipais de 2025 cun déficit de 474.000 euros. Neste escenario, sinalan, "a prioridade debe ser a contención do gasto e unha xestión responsable e eficiente dos recursos públicos".

O BNG tamén discrepa do enfoque do vídeo promocional presentado na feira, que sitúa o municipio como punto de partida para percorrer a comarca. Ao seu xuízo, "a estratexia turística debería centrarse na posta en valor do patrimonio propio, como a contorna do Castelo, Os Penedos ou o Parque do Megalitismo, co obxectivo de que o impacto económico repercuta directamente no conxunto das parroquia"s.

Por iso, "os nacionalistas sosteñen que antes de destinar recursos a viaxes ou campañas promocionais, o goberno local debería priorizar a mellora e acondicionamento dos espazos e infraestruturas municipais, tanto para reforzar o seu atractivo turístico como para garantir o seu uso e desfrute por parte da veciñanza".