O BNG de Vimianzo solicita medidas urxentes para reducir a velocidade no Petón

Imaxe dun accidente en Baíñas

O grupo municipal do BNG en Vimianzo vén de solicitar á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a adopción de medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria na estrada AC-442, concretamente no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 2,3 e 3, á altura do lugar do Petón, na parroquia de Berdoias.

A formación nacionalista demandou a instalación de sinais que limiten a velocidade máxima a 50 km/h neste tramo, que atravesa unha zona habitada. Tal e como advirten os concelleiros do BNG, Benxamín Queiro e Lorena Suárez, a vía presenta un trazado rectilíneo e, na actualidade, carece de sinalización específica que regule a velocidade nas entradas ao núcleo, o que favorece que os vehículos circulen a velocidades excesivas.

Esta situación, denuncian, supón un grave risco para a veciñanza, especialmente para persoas maiores, nenos e peóns que utilizan as beiravías sen contar con elementos de protección adecuados. “Falamos dunha estrada onde se rexistraron, polo menos, catro accidentes nos últimos seis meses, todos eles relacionados coa velocidade excesiva”, sinalaron desde o BNG. “Non podemos esperar a que se produza unha desgraza para actuar; a prevención é esencial”, engadiron.

Desde o grupo nacionalista consideran que a colocación de sinais de limitación a 50 km/h é unha medida mínima e inmediata, pero tamén anunciaron que seguirán esixindo outras actuacións complementarias, como a instalación de pasos de peóns, bandas redutoras de velocidade ou melloras no mantemento da vía, se así o esixen as condicións do tráfico e da contorna.