Chega o Vimiansol

Unha morea de propostas musicais, teatrais e de circo para todos os públicos forman o completísimo programa do Vimiansol 2025, artellado polo Concello de Vimianzo e que presentaron onte pola mañá.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema, foron as encargadas de dar a coñecer o conxunto de actividades que ao longo dos meses de xullo e agosto encherán a praza do Concello e o Castelo de múltiples actividades.

O programa está organizado polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña. Todas as actuacións darán comezo ás 21:00 horas e serán de acceso libre e de balde.

A primeira será o sábado 12 de xullo na praza do Concello co espectáculo de equilibrios ‘Circo Cambuche’, de Henriko. Unha proposta que promete facer rir a grandes e pequenos a través das acrobacias e malabares do grupo.

O venres 18 de xullo será quenda da música, xa que o Castelo acollerá o concerto do cantautor galego Emilio Rúa, que traerá o seu repertorio íntimo, cheo de poesía e raíces, para celebrar os seus 25 anos enriba dos escenarios.

O sábado 26 de xullo as propostas volven á praza do Concello, onde a compañía Artefeito presentará o seu divertido espectáculo de malabares, clown e técnicas circenses ‘Circando’.

Agosto comezará da mellor maneira posible: cheo de música no Castelo. O día 1 será da man do Grupo Eburnie, que volve a Vimianzo para amenizar a noite do venres cos seus ritmos. Formado por músicos da Costa de Marfil, o conxunto está vinculado á ONG Égueire, o ano pasado conseguiron emocionar ao público coa súa música. O día 2 será a quenda de Rocío Caamaño, cun concerto no que mesturará a tradición galega con sons actuais, pop e moita emoción.

O día 16 de agosto as artes escénicas volven á praza do Concello co espectáculo ‘O Minotauro’, do artista Nacho Flores, que combina equilibrios imposibles cunha historia de transformación e mito. A compañía La Finestra Nou Circ chega desde Valencia ata Vimianzo o día 23 de agosto para presentar o seu espectáculo ‘Tranvía nº12’, con imaxinación, movemento e poesía escénica entre cinco personaxes que  agardan na parada do tranvía.

Kote Malabar será o encargado de pechar a programación deste ano co seu espectáculo ‘Cirkote’, con malabares, clown e diversión como peche de festa. Será o 30 de agosto na praza do Concello.