Comezan os sábados culturais no Concello de Vimianzo

Programación dos sábados culturais no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo

Unha vez máis achegaranse a Vimianzo figuras da talla de Manuel Baqueiro,Antonio Mourelos, Federico Pérez,Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, , Rebeca Montero, Santi Romay,Toño Casais, Artur Trillo,etc, grazas aos espectáculos encadrados na programación dos sábados culturais de outono. As actuacións celebraranse ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura e están destinadas a público adulto. Dirixe varios destes espectáculos un dos grandes nomes da escena galega, Candido Pazó e outras figuras de referencia no teatro galego coma Santiago Cortegoso e Xesús Ron.

A programación é a seguinte

  • O sábado 5 de outubro achegarase a Vimianzo a agrupación folclórica Ximiela co espectáculo Raigame, que é unha viaxe o longo de 14 actuacións nas que tratan de mergullar ao público nunha historia contada de primeira man. Recollen o sufrimento dos máis de un millón de galegos e galegas, e todas as súas familias, que sufriron, e sofren, a soidade da emigración.
  • O 26 de outubro é o turno de Contraproducións con A compañeira de piso. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
  • As representacións de novembro estrearanse o día 2 con Nun cuarto da Rotonda, a primeira montaxe de Acusmaser Opus. A obra conta coa participación de Federico Pérez, Evaristo Calvo e Santi Romay que manifestan a confusión propia de quen dá voltas nunha rotonda e non sabe qué camiño elixir; o camiño que vai ou o camiño.
  • O día 9 será a quenda de Desconexión, monólogo de Xurxo Cortázar, o individuo 299/1973 FK3 que vive conectado a un semáforo regulando o tránsito dos peóns. Unha avaría no seu sistema fai que saia da súa gaiola e emprenda unha viaxe cara ao descoñecido.
  • O día 16 achegarase a Vimianzo a compañía Talía coa obra Vida de Cans. Talía presenta nesta ocasión unha comedia metafórica que pon en escena a tres actores recluídos nun recinto preparado polo seu amo, moi cómodo, pero que os fai enfrontarse ao de fora, a liberdade. Desexámoslle unha pronta recuperación a Toño Casais para que poida pórse na pel de Lupo o máis axiña posible e nos acompañe neste recinto pechado do escenario do Auditorio de Vimianzo que el coñece ben.
  • O día 23 a coñecida compañía Chévere, con 25 anos de traxectoria artística, achéganos a Vimianzo un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala de como se trata o feito de dar a luz, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados.
  • O día 30 pechará a programación O Electo da compañía Contraproducións. O electo reflexiona nun rexistro de comedia sobre os efectos da política e as terapias psiquiátricas.

Estará á venda un bono para os 7 espectáculos por 24€ e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados. O prezo de entrada é de 5 euros (reducida 2.50€). Os espectáculos Raigame e Desconexión teñen prezo entrada de 3,50€  reducida 2€) . A billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo

O público infantil e familiar tamén ten o seu oco na programación do auditorio,Outono Rebuldeiro, as tardes de domingo.