Detido un falso enfermeiro que se ofreceu para traballar na Residencia de Vimianzo

Fiestras da Residencia de Maiores de Vimianzo

A Garda Civil do Posto de Vimianzo procedeu á detención dun veciño de Culleredo, que se fixo pasar por titulado para conseguir un posto de traballo. O mozo utilizou un título de Grao de Enfermería falsificado aproveitando o momento de necesidade que hai nestes momentos, polo que se lle imputan os supostos delitos de falsedade documental e intrusismo laboral.

A investigación partía da publicación por parte da Residencia dunha oferta de traballo nun portal laboral. O detido acodía co falsa certificación obtida supostamente nunha universidade madrileña. Foi a propia residencia a que sospeitou e avisou ás forzas de seguridade.

Unha vez comprobada a documentación, a Garda Civil comprobou a falsedade dos títulos coa Universidade e procedeu á detención, poñéndoo a disposición xudicial. A investigación continúa aberta.